04 mayo 2009

Visita a Citroën e ao CAT (segunda parte)

Chegamos ao Concello onde nos agardaba Andrea, a responsable do Centro de Artesanía Tradicional (CAT) que sería a nosa guía durante a visita. A idea inicial cando decidimos acudir ao CAT era coñecer a colección de ferramentas de oficios tradicionais que se expoñen alí de forma permanente. Para a nosa sorpresa, estaba tendo lugar un dos cursos de cestería que se imparten no centro e así tivemos a ocasión de coñecer a Antonio, o único cesteiro de formación tradicional que queda en activo en Galicia. El e os seus alumnos estaban a traballar en pezas que xa comezaban a tomar forma. Un luxo coñecer de primeira man as técnicas da cestería tradicional!



Na seguinte imaxe podemos ver unha representación das diferentes pezas de alfarería que se expoñen actualmente no CAT. Andrea explicounos as diferencias entre os cacharros elaborados en zonas como Buño, Gundivós ou Niñodaguia amosándonos pezas características de cada unha delas.



Coñecimos tamén as ferramentas empregadas polos ferreiros e os carpinteiros e chamou a nosa atención o feito de que non hai tanto tempo, as vaixelas eran de madeira pois a louza era obxecto de luxo. Podedes ver tamén na imaxe o tamaño dunha fechadura coa súa correspondente chave. Enorme, verdade?



Finalmente Andrea falounos dos alabardeiros e as tecelás. Contemplade o resultado dun traballo realizado por mans expertas.



Sabiades que eran poucas as persoas que podían colocar o urdido no tear? Parece ser que unha vez rematada unha peza, as tecelás cortaban os fíos sobre os que se montaba no tear a fin de gardar a urda para utilizar nas seguintes pezas.



O tempo voou escoitando a Andrea falar de artesanía tradicional e tivemos que marchar a comer. Mario, o noso chófer, levounos de volta ao instituto onde Ana, sempre tan riquiña, deixou que fixeramos tempo na cafetería ate que tocou o timbre anunciando o fin dunha boa xornada. Agardo que teñades desfrutado da visita tanto coma eu!!!

No hay comentarios: