31 marzo 2008

10000 visitas!!!

contador do blog con 10000 visitas

No ano 2004 estaba interesada en aplicacións que permitiran a creación se sitios web de forma rápida e sinxela con vistas a traballar cos alumnos de 3º de ESO. Souben entón de algo chamado blog e me pareceu unha proposta moi interesante. Logo de revisar os sitios que permitían edición e aloxamento gratis, decanteime por Blogger. Naquel momento todas as instruccións estaban en Inglés, así que o primeiro que fixen foi crear o meu blog para colgar un post explicándolles en Galego aos alumnos como darse de alta. A continuación empreguei o blog para colgar os diferentes exercicios que realizamos na aula de informática e tamén para enlazar os blogs que ían creando os chicos (a maioría destes posts non existen xa).

Comecei a usar o blog cada vez para máis cousas. Se aloxaba o material que usaba nas clases nun servidor e o enlazaba dende o blog, os meus alumnos poderían baixalo. Así que colguei presentacións, boletíns de exercicios, guións de prácticas,... Tamén comecei a postear todos os avisos que daba na clase como datas de exames ou visitas a realizar. As páxinas que visitabamos na clase tamén apareceron no blog como recomendacións e os programas gratuítos que empregabamos, podían descargarse dende el.

A utilización do blog como recurso foi cobrando cada vez máis importancia para min e actualmente é unha ferramenta imprescindible no meu traballo docente.

Haberá cousa de dous anos que incluín un contador para ter unha idea da repercusión que estaba a ter e hai uns días que chegamos á 10000 visitas!!! Agardo que sigades disfrutando co meu blog tanto coma eu. Gracias por visitarme!!!!!!!!

24 marzo 2008

Grávoche unha cinta?

reprodutor de mixwit

O de compartir a música cos amigos non é nada novo, os soportes que utilizamos, afortunadamente si. O post de hoxe ten un certo toque de nostalxia e seguramente arrincará un sorriso a todos os que medramos gravando a nosa música da radio en cintas coma a da imaxe. Permitídeme que vos conte un pouco como era aquilo antes de presentarvos esta aplicación pero podedes facer clic na imaxe para poñer música de fondo...

Así como agora todos tedes un mp3 os que nacimos nos anos 70 tiñamos, no mellor dos casos, un walkman para reproducir as cintas de audio. Este walkman tiña un motor alimentado con pilas que se encargaba de mover os cabezais de lectura. Algúns destes aparatos non regulaban ben a velocidade de lectura, de maneira que cando as pilas estaban novas, a música soaba a maior velocidade da que debera. Por outro lado, as pilas non se esgotaban de golpe, senón que o ían facendo pouco a pouco de maneira que a música soaba cada vez a menor velocidade. O efecto era coma se nas primeiras cancións cantaran os pitufos, os intérpretes orixinais nas cancións do medio, para rematar coa nena do Exorcista interpretando os últimos temas.

Naqueles anos as pilas eran salinas, que duraban moitísimo menos que as alcalinas das que hoxe dispoñemos, polo que todos nós optabamos por rebobinar as cintas a man empregando o casquillo dun boli bic. A diferencia dos mp3, non era posible acceder de forma instantánea a unha canción determinada, pero coa práctica acababas por saber a que altura da cinta estaba cada canción.

As cintas magnéticas eran en xeral moi robustas e soportaban ben as caídas e outros avatares como as moitísimas veces que as gravabamos e borrabamos, pero pobre do que esquecera unha dentro dun coche exposto ao sol porque normalmente aquilo non tiña remedio. Tamén sucedía que ás veces o aparato trillaba a cinta magnética chegando a rompela e entón había que botarlle imaxinación para recompoñer aquel pequeno desastre. As solucións máis habituais eran aplicar un pouquiño de verniz de uñas entre os dous anacos ou unilos con celo. No primeiro caso corrías o risco de que se soltara de novo e no segundo, cando o reproductor chegaba a ese punto, había que pasar a cinta a man, pois o motor non era capaz de arrastrala. En calquera caso, perdías, obviamente, a parte da canción onde os anacos se solapaban.

A pesar de todo isto, todos nós disfrutabamos moitísimo gravándonos cintas entre colegas que normalmente titulabamos con cousas como VARIOS 1985. É por iso que cando hoxe vin esta aplicación en What's New non puiden resistir a tentación de escribir este post.

Mixwit é basicamente un reproductor de mp3 coa apariencia das cintas magnéticas de entón. Trátase de facer unha selección de música a partir de cancións dispoñibles na rede. Poderás escoller a carátula ou variar o estilo e unha vez finalices, xeraráse unha dirección que podes pasar aos amigos para compartir con eles a túa música ou incrustar o reproductor no teu blog como fixen eu. Podes rexistrarte se queres gardar as túas creacións e modificalas posteriormente, pero non é necesario.

15 marzo 2008

E contaminación lumínica no mundo

contaminacion luminica no mundo

Seguro que logo de ver o mapa da contaminación lumínica na península non erades capaces de comezar as vacacións de Semana Santa sen saber como é a distribución no mundo, verdade? :-)
Pois dádelle as gracias ao responsable de Astronomía na Beirarrúa que hoxe me deixou esta impresionante imaxe no meu buzón (facede clic na imaxe para vela máis grande). Trátase dunha foto real, composta a partir de moitas tomas individuais, que nos indica onde é máis difícil ver estrelas. Vedes algunha relación co nivel de desenvolvemento dos países?

Boas vacacións para todos vós!!!

14 marzo 2008

Crea un acceso directo a "Quitar hardware con seguridad"

minihub USB con forma de monigote

Todos sabemos que antes de desconectar un dispositivo USB do noso portátil, debemos detelo a través de Quitar hardware con seguridad. Genbeta achéganos a forma de crear un acceso directo para colocar onde queiramos (por exemplo, no escritorio) e así ter sempre a man a ventana para deter dispositivos.

Copiade o seguinte código:

RunDll32.exe shell32.dll,Control_RunDLL hotplug.dll

e a continuación creade un acceso directo no escritorio:

Clic dereito -> Nuevo -> Acceso directo

No recadro de ubicación do elemento pegamos o código e lle asignamos un nome (por exemplo, "Desconectar USB").

A próxima vez que teñades que desconectar un dispositivo USB, facede antes doble clic no acceso directo que acabamos de crear e seleccionade que é o que queredes deter.

13 marzo 2008

Contaminación lumínica na península

contaminacion luminica na peninsula

Non é a primeira vez que falamos da contaminación lumínica neste blog e hoxe amosamos o mapa da contaminación lumínica na península ibérica que nos chega vía ecomicrosiervos. A pesar de estar elaborado en base a cálculos e non a observación directa, dá unha boa idea de cal é a realidade.

Sabede que nas zonas máis contaminadas, aquelas que no mapa aparecen en branco e vermello, só poderiamos distinguir un máximo de 150 estrelas nunha noite despexada, mentres que nas zonas menos contaminadas (azul escuro e negro no mapa) poderiamos superar as 3000 estrelas.

Deberiamos ser capaces de atopar o equilibrio entre unha iluminación urbana aceptable e un nivel de contaminación lumínica baixo. Que ideas se vos ocurren? Pensades que os farois que iluminan as rúas están ben deseñados?

07 marzo 2008

Radio Furoca

logo de radio furoca Os compañeiros de Radio Furoca, a radio do noso instituto, están publicando o seu extraordinario traballo no blog da emisora. Non deixedes de visitalo para estar ao tanto de todo o que acontece no noso centro a través da súa axenda e ler as súas sempre interesantes recomendacións.

Noraboa polo voso impresionante traballo!!!!!!

04 marzo 2008

Día Mundial da Eficiencia Enerxética

bombilla desenchufandose

Sabiades que o día 5 de Marzo é o Día Mundial da Eficiencia Enerxética? Acabo de lelo en ecomicrosiervos e tamén que se levarán a cabo iniciativas tan interesantes como o troco de lámpadas de incandescencia por lámpadas de baixo consumo (sabedes que porcentaxe do gasto eléctrico nun fogar é debido á iluminación?).

Temos que ser capaces de manter a nosa calidade de vida cun menor custo enerxético e iso pasa por un mellor aproveitamento dos recursos. O obxectivo: reducir a contaminación, prolongar a vida dos recursos e poñer o noso gran de area para frear o cambio climático.

Como exercicio, propóñovos que cada un de nós revise os seus hábitos e adique cinco minutos a pensar como pode consumir menos enerxía.

03 marzo 2008

Telefonía ecolóxica

bateria de mobil con placa solar

Cada vez que cambiamos de teléfono móbil adoitamos desfacernos do vello e de todos os seus compoñentes e accesorios. Con esta práctica tan habitual, estamos xerando residuos que ademais no caso das baterías, son altamente contaminantes.

En países como Xapón xa toman medidas como por exemplo que os cargadores de móbil sexan universais, é dicir, que sexan válidos para todos os modelos de móbiles e desta forma ao cambiar de teléfono non é necesario cambiar o cargador.

Entereime hai uns días vía No puedo creer que lo hayan inventado dun novo accesorio que se comercializa nese país. Trátase dunha placa solar que por exemplo podes pendurar do teu móbil, de maneira que se vai cargando ao longo do día proporcionando 35 minutos de batería logo de 6 horas de carga.

Xa sabemos que 35 minutos dan para moi pouco e que a carga da placa é lenta, sen embargo é un bo comezo na percura de alternativas e unha solución de emerxencia estupenda para cando quedamos sen batería no momento menos oportuno.