29 abril 2009

Visita a Citroën e ao CAT (primeira parte)

8:50 do luns 27 de Abril. Todo listo! Saímos para Vigo!

Chegamos unhas dúas horas máis tarde á entrada de Citroën onde nos agardaba Romina, a nosa guía para realizar a visita. Poñemos as punteiras de goma, a bata, o chaleco, as gafas de protección e accedemos a unha das zonas onde se realizan soldaduras de pezas. É impresionante comprobar a precisión coa que traballan os robots nunha coreografía perfecta para ensamblar as diferentes pezas que conformarán a carrocería do automóbil. Algunha chispa salta ate onde estamos nós dando sentido ao equipo de protección que puxemos antes de comezar a ruta.

Saímos cara a seguinte etapa. Agardamos ver todo o proceso de fabricación coa excepción da fase de pintura pois, nos informa Romina, teriamos que cambiar de indumentaria de novo e non parece que vaia sobrar o tempo. Facemos unha parada para observar atentamente como se coloca o motor. A nosa guía cóntanos que estes veñen previamente montados e de aí pasamos a un dos momentos máis sorprendentes, a etapa de embutición. É incrible ver como os moldes actúan sobre as planchas de aceiro para conformar as diferentes pezas do automóbil. Sorpréndenos o pouco espesor das láminas de aceiro (apenas 5 mm). Na imaxe, unha das poucas que nos permitiron sacar, podemos ver un dos primeiros moldes que se empregaron na fábrica. Cos moldes actuais todo resulta máis fácil.



Chegamos á seguinte parada na que vemos como se colocan os cristais e as portas dos diferentes modelos. Os coches van tomando forma diante dos nosos ollos.

Chegamos ao final da visita onde os automóbiles xa rematados pasan unha serie de tests para comprobar que todo funciona correctamente. Romina coméntanos que aqueles que non pasan satisfactoriamente os controis son revisados de novo para solucionar os problemas e que nalgunhas ocasións, poucas, é necesario desfacer totalmente o vehículo para comezar de novo.

Actualmente prodúcense 1654 automóbiles cada día na planta que acabamos de visitar. Este dato é aínda máis sorprendente se temos en conta que nas primeiras instalacións de finais dos anos 50, a produción era dun coche por día. Sabedes canto se tarda en fabricar un dos vehículos que se producen en Vigo? Da orde de dúas horas. Incrible, verdade?

Despedímonos de Romina dándolle as gracias por ser unha excelente anfitriona e pola súa infinita paciencia á hora de dar resposta a todas as preguntas que lle prantexamos, e saímos cara ao Centro de Artesanía Tradicional.

No hay comentarios: