12 marzo 2009

As 24 horas de Le Mans para vehículos ecolóxicos

Carreiras para coches ecolóxicos!!! Non deixedes de ler este sorprendente post escrito por Suso Pensado, profesor do departamento de Francés do IES de Pastoriza.

O deporte comeza a estar menos reñido coa sensibilidade ecolóxica e a busca de alternativas ós carburantes fósiles. A proba máis palpable ten lugar no mítico circuito de Le Mans onde se disputa a carreira de resistencia máis importante do mundo. E é que este circuito non ten parada en todo o ano, pois, ademais das 24 horas de coches, celébranse tamén as 24 horas de camións, de motos, de bicicletas e mesmo de patíns. E asegúrovos que non van precisamente de paseo!

Volvendo ao que nos interesa neste momento, en xullo deste ano terá lugar a primeira carreira de coches ecolóxicos, construídos a pequena ou gran escala, pero dispostos á venta no mercado. É dicir, non se trata de prototipos, senón de vehículos preparados para circular polas estradas. Xa se sabe que a carreira se disputará en varias categorías, con coches eléctricos, híbridos, de hidróxeno, de gas natural e de biocarburantes. O obxectivo, polo de agora, non é tanto a velocidade, como demostrar que as tecnoloxías limpas, como a do Venturi Astrolab solar que presentamos na foto, son viables hoxe en día.

venturi astrolabVenturi Astrolab, vehículo solar que participará nas 24 horas de Le Mans para coches ecolóxicos.

E dicimos polo de agora, porque algo se está movendo na carreira francesa de resistencia. Se hai uns anos os vehículos diesel revolucionaron a resistencia ó copar as primeiras prazas cos Audi TDI, Peugeot aposta máis forte aínda presentando o seu 908 híbrido diesel para correr na carreira absoluta das 24 horas de Le Mans 2009. O prototipo xa está a punto, pero mantense o suspense sobre a súa presentación oficial. Anunciárase a súa participación para os 1000 quilómetros de Shanghai no pasado mes de novembro, pero a suspensión desta carreira obrigou ós aficionados a armarse de paciencia para demostrar
dunha vez por todas que o gusto polos automóbiles rima perfectamente co respecto polo medio ambiente e o consumo racional de enerxía.

peugeot 908 hibridoO Peugeot 908 Híbrido competirá con moita probabilidade nas 24 horas de Le Mans, 2009.

No hay comentarios: