24 marzo 2008

Grávoche unha cinta?

reprodutor de mixwit

O de compartir a música cos amigos non é nada novo, os soportes que utilizamos, afortunadamente si. O post de hoxe ten un certo toque de nostalxia e seguramente arrincará un sorriso a todos os que medramos gravando a nosa música da radio en cintas coma a da imaxe. Permitídeme que vos conte un pouco como era aquilo antes de presentarvos esta aplicación pero podedes facer clic na imaxe para poñer música de fondo...

Así como agora todos tedes un mp3 os que nacimos nos anos 70 tiñamos, no mellor dos casos, un walkman para reproducir as cintas de audio. Este walkman tiña un motor alimentado con pilas que se encargaba de mover os cabezais de lectura. Algúns destes aparatos non regulaban ben a velocidade de lectura, de maneira que cando as pilas estaban novas, a música soaba a maior velocidade da que debera. Por outro lado, as pilas non se esgotaban de golpe, senón que o ían facendo pouco a pouco de maneira que a música soaba cada vez a menor velocidade. O efecto era coma se nas primeiras cancións cantaran os pitufos, os intérpretes orixinais nas cancións do medio, para rematar coa nena do Exorcista interpretando os últimos temas.

Naqueles anos as pilas eran salinas, que duraban moitísimo menos que as alcalinas das que hoxe dispoñemos, polo que todos nós optabamos por rebobinar as cintas a man empregando o casquillo dun boli bic. A diferencia dos mp3, non era posible acceder de forma instantánea a unha canción determinada, pero coa práctica acababas por saber a que altura da cinta estaba cada canción.

As cintas magnéticas eran en xeral moi robustas e soportaban ben as caídas e outros avatares como as moitísimas veces que as gravabamos e borrabamos, pero pobre do que esquecera unha dentro dun coche exposto ao sol porque normalmente aquilo non tiña remedio. Tamén sucedía que ás veces o aparato trillaba a cinta magnética chegando a rompela e entón había que botarlle imaxinación para recompoñer aquel pequeno desastre. As solucións máis habituais eran aplicar un pouquiño de verniz de uñas entre os dous anacos ou unilos con celo. No primeiro caso corrías o risco de que se soltara de novo e no segundo, cando o reproductor chegaba a ese punto, había que pasar a cinta a man, pois o motor non era capaz de arrastrala. En calquera caso, perdías, obviamente, a parte da canción onde os anacos se solapaban.

A pesar de todo isto, todos nós disfrutabamos moitísimo gravándonos cintas entre colegas que normalmente titulabamos con cousas como VARIOS 1985. É por iso que cando hoxe vin esta aplicación en What's New non puiden resistir a tentación de escribir este post.

Mixwit é basicamente un reproductor de mp3 coa apariencia das cintas magnéticas de entón. Trátase de facer unha selección de música a partir de cancións dispoñibles na rede. Poderás escoller a carátula ou variar o estilo e unha vez finalices, xeraráse unha dirección que podes pasar aos amigos para compartir con eles a túa música ou incrustar o reproductor no teu blog como fixen eu. Podes rexistrarte se queres gardar as túas creacións e modificalas posteriormente, pero non é necesario.

No hay comentarios: