18 mayo 2008

ULPC: Un novo concepto

ultraportatil de HP
ULPC (ultra low-cost PC), minilaptop, subnotebook, ultraportátil, microportátil son algúns dos nomes cos que nos referimos a un novo tipo de ordenadores. Se todavía non existe unha denominación universalmente aceptada é porque este produto é de moi recente creación. Referímonos a equipos que teñen como características fundamentais un moi baixo precio e un moi pequeno tamaño. De forma máis detallada, falamos de portátiles coas seguintes características e prestacións:
  • Pantalla en torno a 8'' (en calquer caso, menos de 12'')
  • Peso arredor de 1 kg
  • Conectividade WiFi
  • Ausencia de disco duro con partes móbiles (normalmente presentan memoria flash, que consume menos enerxía e por tanto fai que a batería dure máis e resulta máis silenciosa pois non precisa ventilador)
  • Sistema operativo Linux de serie aínda que normalmente soportan Windows (algúns destes equipos ofrecen a opción de compra con Windows pero isto aumenta o precio)
  • RAM de 512 MB como mínimo (xa hai equipos con 2 GB)
  • Webcam
  • Portos USB
  • Batería de non menos de 3h de duración
  • Precio en torno a 200-300 € (na súa versión máis básica)
A idea orixinal foi da organización OLPC (one laptop per child) que pretendía achegar as novas tecnoloxías a todos os nenos do mundo e especialmente a aqueles que vivían en países en vías de desenvolvento. Presentaron así o XO, un portátil que inicialmente se comercializou por 100 $ e que funcionaba incluso en lugares onde non existía subministro eléctrico.
ultraportatil XO

Nenos e non tan nenos de todo o mundo puxeron os ollos neste equipo que por primeira vez unía as prestacións e precio dun portátil normal ao tamaño dun notebook. Evidentemente, un equipo con pantalla de 7'' non resulta cómodo para un traballo diario de varias horas de duración e iso sen falar dun teclado de reducidas dimensións no que cada dedo dun adulto "ocupa" máis dunha tecla :-) Con todo, resulta unha opción moi apetecible para aqueles que teñen que desprazarse cada día cargando cun equipo de máis de 2 kg de peso.

A empresa informática Asus, consciente do potencial destes portátiles como segundo equipo para usuarios que xa dispoñen dun ordenador de maiores prestacións, lanzou ao mercado o Eee PC, que neste pasado Nadal foi o regalo estrela en Estados Unidos e un dos obxectos máis buscados en lugares como Ebay.
ultraportatil de Asus

Á vista do éxito do Eee PC, outras firmas como HP ou a española Airis ultiman os detalles do lanzamento dos seus microportátiles dos que atoparedes información na seguinte ligazón.


ultraportatil de Airis

Actualización: no blog tecnoloxía da ESO podedes atopar máis información acerca dos ultraportátiles e tamén varias ligazóns interesantes.

No hay comentarios: