29 abril 2009

Visita a Citroën e ao CAT (primeira parte)

8:50 do luns 27 de Abril. Todo listo! Saímos para Vigo!

Chegamos unhas dúas horas máis tarde á entrada de Citroën onde nos agardaba Romina, a nosa guía para realizar a visita. Poñemos as punteiras de goma, a bata, o chaleco, as gafas de protección e accedemos a unha das zonas onde se realizan soldaduras de pezas. É impresionante comprobar a precisión coa que traballan os robots nunha coreografía perfecta para ensamblar as diferentes pezas que conformarán a carrocería do automóbil. Algunha chispa salta ate onde estamos nós dando sentido ao equipo de protección que puxemos antes de comezar a ruta.

Saímos cara a seguinte etapa. Agardamos ver todo o proceso de fabricación coa excepción da fase de pintura pois, nos informa Romina, teriamos que cambiar de indumentaria de novo e non parece que vaia sobrar o tempo. Facemos unha parada para observar atentamente como se coloca o motor. A nosa guía cóntanos que estes veñen previamente montados e de aí pasamos a un dos momentos máis sorprendentes, a etapa de embutición. É incrible ver como os moldes actúan sobre as planchas de aceiro para conformar as diferentes pezas do automóbil. Sorpréndenos o pouco espesor das láminas de aceiro (apenas 5 mm). Na imaxe, unha das poucas que nos permitiron sacar, podemos ver un dos primeiros moldes que se empregaron na fábrica. Cos moldes actuais todo resulta máis fácil.



Chegamos á seguinte parada na que vemos como se colocan os cristais e as portas dos diferentes modelos. Os coches van tomando forma diante dos nosos ollos.

Chegamos ao final da visita onde os automóbiles xa rematados pasan unha serie de tests para comprobar que todo funciona correctamente. Romina coméntanos que aqueles que non pasan satisfactoriamente os controis son revisados de novo para solucionar os problemas e que nalgunhas ocasións, poucas, é necesario desfacer totalmente o vehículo para comezar de novo.

Actualmente prodúcense 1654 automóbiles cada día na planta que acabamos de visitar. Este dato é aínda máis sorprendente se temos en conta que nas primeiras instalacións de finais dos anos 50, a produción era dun coche por día. Sabedes canto se tarda en fabricar un dos vehículos que se producen en Vigo? Da orde de dúas horas. Incrible, verdade?

Despedímonos de Romina dándolle as gracias por ser unha excelente anfitriona e pola súa infinita paciencia á hora de dar resposta a todas as preguntas que lle prantexamos, e saímos cara ao Centro de Artesanía Tradicional.

27 abril 2009

A semana na que non houbo aplicación da semana

Pido desculpas por adiantado porque esta semana non vai haber aplicación da semana. Tendo en conta que hoxe pasamos todo o día fóra do instituto, que o venres é festivo e que o luns tampouco teremos clase, vou descansar esta semana. A cambio prometo un post coa visita que fixemos a Citroën e ao CAT. Será nos próximos días!

24 abril 2009

4º ESO: Visita a Citroën

citroenO pasado luns día 20 os alumnos de 4ºA e 4ºE visitaron a cadea de produción de Citroën e o próximo luns día 27 tócalles aos alumnos de 4ºB e 4ºD. Aproveitaremos tamén para achegarnos ao CAT (Centro de Artesanía Tradicional) no que teremos a ocasión de desfrutar dunha visita guiada. A xornada promete!!!

Para os que vides:
  • Lembrade traer a autorización asinada se todavía non o fixestes.
  • Non é necesario que traiades bocadillo porque á vista do tempo, comeremos "a cuberto" :-)
  • Non subades ás aulas ao chegar ao instituto o luns pola mañán. Agardade polo autobús abaixo (eu xa estarei alí).
  • Botádelle un ollo de novo ás normas que enviaron desde Citroën e lembrade que hai que levar calzado deportivo ou zapatos de punta redonda.
Boa fin de semana!!!

19 abril 2009

Aplicación da semana: Caleidoscopio

caleidoscopio

Probade este curioso caleidoscopio que nos vén recomendado desde a páxina what's new.

2º ESO: O ordenador e os periféricos



A semana pasada comezamos coa unidade 4 que está adicada ao ordenador en xeral e aos periféricos en particular. A presentación que empregaremos en clase está disponible na aulateca e agora tamén no blog (sección 3ª AVALIACIÓN).

Acompaño este post dun simpático, sinxelo e interesante vídeo acerca do funcionamento dos ordenadores.

13 abril 2009

Aplicación da semana: Open Doors 2


Agardo que tiverades unhas boas vacacións e que veñades descansados e coas ganas que require a terceira avaliación. Esta semana propóñovos un xogo de lóxica que nos chega a través de microsiervos. En Open Doors 2 teredes que utilizar os cursores para levar o cadrado vermello ate o xe vermello tamén. Coidado, as portas ábrense e péchanse co movemento do cadrado, pero case nunca como quixeramos :-)

02 abril 2009

4º ESO: Primeiras fotos dos proxectos!!!!!!

Xa hai un par de semanas que comezamos cos proxectos en 4º B. Trátase de deseñar e construír dispositivos que podan ser controlados a través do porto paralelo dun ordenador.
  • O equipo formado por Adrián, Ismael, Sandra, Raquel, Héctor e Álvaro decidiu construír un autobús. O deseño incorpora dous motores, dous intermitentes, dúas luces de posición e dúas luces de freo. O programa realizado en MSWLogo permite activar e desactivar os motores de forma independente, de maneira que o autobús pode avanzar e xirar a esquerda e dereita, poñendo en funcionamento o intermitente que corresponda. Cando o autobús está parado, as luces de freo acéndense e en calquer momento podemos acender ou apagar as luces de posición. O equipo de conexión rematou onte o circuíto dos motores e fixeron con éxito a primeira proba de control dos dispositivos. Aquí tedes unhas fotos deste proxecto:
O equipo de construción pegando as diferentes pezas da estrutura do autobús.


O equipo de conexión realizando as soldaduras dos compoñentes do circuíto.


O equipo de programación realizando as primeiras probas de control dos dispositivos.

  • O equipo formado por Celeste, Lorena, Aitor, Javier, Diego e Jose decidiu construír un garaxe que funciona do seguinte xeito: unha porta de infravermellos activa a apertura da porta do garaxe á vez que acende a luz do interior. Logo de abrirse totalmente, a porta permanece nesta posición un tempo e inicia de forma automática o movemento para pecharse. Cando está totalmente pechada, a luz do interior apágase. A idea orixinal deste proxecto provén da interesantísima páxina tecnologiafacil.net, se ben fixeron algunha modificación sobre o deseño orixinal e realizaron o seu propio código para o control dos dispositivos. Polo momento están tendo algún problema (non teño ningunha dúbida de que será por pouco tempo) coa montaxe do circuíto, que incorpora un relé para a inversión de xiro do motor e outro actuando como interruptor xeral. Como a intensidade proporcionada polas saídas do porto paralelo non é suficiente para alimentar aos relés, cada un deles precisa dunha etapa de amplificación con transistor e isto está traendo de cabeza ao equipo de conexión :-) O equipo de programación xa rematou o código para o control da porta e da luz e axiña comezará co procedemento para ler o receptor de infravermellos. Velaí van unhas fotos deste complicado proxecto:
O equipo de conexión realizando as primeiras probas co circuíto montado sobre unha protoboard.


O equipo de construción pintando as diferentes pezas que formarán a estrutura do garaxe.

Todos estades realizando un traballo estupendo!!! Seguide así!!!!!