Mostrando las entradas con la etiqueta Novas. Mostrar todas las entradas
Mostrando las entradas con la etiqueta Novas. Mostrar todas las entradas

18 diciembre 2009

Boas festas para todos


A falta de dous días de clase para collermos as vacacións, gustaríame desexarvos a todos unhas moi boas festas. Vémonos en 2010!!!

15 diciembre 2009

AVISO IMPORTANTE

Mañán día 16 de Decembro suspéndense as clases en todos os centros educativos de Galicia. Podedes ver o anuncio completo na páxina da Xunta.

04 diciembre 2009

Almanaque de Advento

advento

O Equipo de Normalización Lingüística e o departamento de Plástica están dirixindo a construción dun almanaque de Advento na entrada do instituto. Se queredes engadirlle o voso adorno, podedes entregarllo a Montse ou a María José, profesoras responsables desta iniciativa. Lembrade que non tedes que incluír o número de día no adorno, xa que se poñerá posteriormente.

Gracias a tod@s por participar e a Montse e María José por traernos os primeiros aires do Nadal!

21 noviembre 2009

E ti que les?

Desde o 20 de Novembro ate o día 17 de Decembro a nosa biblioteca acolle o proxecto E ti que les? realizado e cedido pola Biblioteca do IES de Sabón. Parabéns ás responsables da organización no noso centro e por suposto aos compañeiros de Sabón por un traballo tan interesante.

25 junio 2009

E por fin as fotos da exposición!!!

O pasado día 22 de Xuño tivo lugar a IV Exposición-Concurso de Proxectos de Tecnoloxía que este curso contou con 18 proxectos seleccionados. Velaí as fotos dos proxectos participantes...


...e o resultado da votación na que participaron todos os alumnos do instituto:
  • Na categoría de 2º de ESO os gañadores foron Daniel, Samuel e Javier de 2ºA co seu detector de metais (proxecto número 6).
  • Na categoría de 3º de ESO os gañadores foron Carlos, Bruno e Tania de 3ºC co seu pegatortas (proxecto número 2).
  • Na categoría de 4º de ESO os gañadores foron Javier, Diego, Lorena, Celeste, Aitor e Jose de 4ºB co seu garaxe de apertura controlada por ordenador (proxecto número 4).
Moitas gracias a todos os colaboradores que fixeron posible a realización da exposición (mención especial para os alumnos de 2ºC), parabéns a todos os participantes e... BOAS VACACIÓNS!!!

24 junio 2009

Para ir abrindo boca

Como xa comentei, ao longo dos próximos días farei un post coas fotos da IV Exposición-Concurso que celebramos o luns 22 de Xuño no IES de Pastoriza. Mentres, déixovos cun vídeo que colgou o noso compañeiro de Santiago Jorge Gómez acerca da mostra de proxectos realizada o día 12 de Xuño no Toural. Así poderedes ver o ben que traballan tamén outr@s chic@s de toda Galiza

22 junio 2009

IV Exposición-Concurso de Proxectos de Tecnoloxía

Un curso máis celebramos a exposición-concurso de proxectos de tecnoloxía. Como mañán entregaremos os premios nas diferentes categorías durante o festival de fin de curso que terá lugar no centro cívico, ides permitir que polo momento me reserve o nome dos gañadores :-)

Nos próximos días colgarei fotos de todos os proxectos expostos e tamén o resultado do concurso. Moitas gracias en nome das tres profesoras do departamento a todos os participantes, a todos os asistentes e a todos os colaboradores que fixeron posible desfrutar un ano máis dos vosos traballos.

Ate dentro duns días!!!

04 junio 2009

Mostra de Proxectos en Compostela

mostra proxectos

O noso compañeiro Jorge, do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela fainos chegar a convocatoria de Tecnoloxía na Rúa do vindeiro día 12 de Xuño. Trátase dunha exposición de proxectos realizados por alumn@s de tecnoloxía de centros de toda Galicia.

Máis información e díptico no blog de Jorge. Parabéns aos organizadores pola iniciativa!!!

19 mayo 2009

Día da muiñeira en Pastoriza


Os departamentos de Educación Física e Normalización Lingüística organizaron este colorido día da muiñeira, actividade na que participaron máis de 100 alumnos do noso centro. A foto está tomada desde a aula de plástica situada no 2º andar do instituto (gracias Mª José!). Noraboa a todos os participantes e ás organizadoras!!!

17 mayo 2009

4º ESO: Pneumática

Deixo na zona de descargas a unidade de pneumática que utilizaremos en clase como complemento do libro de texto. Podedes descargala na sección 3ª AVALIACIÓN. Incorpora varias animacións de libros vivos.net e tamén un fantástico traballo de Pilar Latorre.

13 mayo 2009

Día das letras galegas en Pastoriza


Achégase o día das letras galegas e @s alumn@s de 3º e 4º quixeron render homenaxe a Ramón Piñeiro con este impresionante mural que decora a parede da entrada do noso instituto. Detrás deste fantástico traballo están Mª José Núñez, xefa do departamento de Plástica e Montse Collazo, xefa do departamento de normalización lingüística.

Ao longo destes días @s alumn@s participarán pegando as súas contribucións no mural. Noraboa a tod@s!!!

01 mayo 2009

Electricidade a partir de radiación solar

sol

Acaba de entrar en funcionamento unha nova planta para xeración de electricidade a partir da radiación solar. Toda a información facendo clic nesta ligazón que nos envía o noso colaborador Suso Pensado.

24 abril 2009

4º ESO: Visita a Citroën

citroenO pasado luns día 20 os alumnos de 4ºA e 4ºE visitaron a cadea de produción de Citroën e o próximo luns día 27 tócalles aos alumnos de 4ºB e 4ºD. Aproveitaremos tamén para achegarnos ao CAT (Centro de Artesanía Tradicional) no que teremos a ocasión de desfrutar dunha visita guiada. A xornada promete!!!

Para os que vides:
  • Lembrade traer a autorización asinada se todavía non o fixestes.
  • Non é necesario que traiades bocadillo porque á vista do tempo, comeremos "a cuberto" :-)
  • Non subades ás aulas ao chegar ao instituto o luns pola mañán. Agardade polo autobús abaixo (eu xa estarei alí).
  • Botádelle un ollo de novo ás normas que enviaron desde Citroën e lembrade que hai que levar calzado deportivo ou zapatos de punta redonda.
Boa fin de semana!!!

02 abril 2009

4º ESO: Primeiras fotos dos proxectos!!!!!!

Xa hai un par de semanas que comezamos cos proxectos en 4º B. Trátase de deseñar e construír dispositivos que podan ser controlados a través do porto paralelo dun ordenador.
  • O equipo formado por Adrián, Ismael, Sandra, Raquel, Héctor e Álvaro decidiu construír un autobús. O deseño incorpora dous motores, dous intermitentes, dúas luces de posición e dúas luces de freo. O programa realizado en MSWLogo permite activar e desactivar os motores de forma independente, de maneira que o autobús pode avanzar e xirar a esquerda e dereita, poñendo en funcionamento o intermitente que corresponda. Cando o autobús está parado, as luces de freo acéndense e en calquer momento podemos acender ou apagar as luces de posición. O equipo de conexión rematou onte o circuíto dos motores e fixeron con éxito a primeira proba de control dos dispositivos. Aquí tedes unhas fotos deste proxecto:
O equipo de construción pegando as diferentes pezas da estrutura do autobús.


O equipo de conexión realizando as soldaduras dos compoñentes do circuíto.


O equipo de programación realizando as primeiras probas de control dos dispositivos.

  • O equipo formado por Celeste, Lorena, Aitor, Javier, Diego e Jose decidiu construír un garaxe que funciona do seguinte xeito: unha porta de infravermellos activa a apertura da porta do garaxe á vez que acende a luz do interior. Logo de abrirse totalmente, a porta permanece nesta posición un tempo e inicia de forma automática o movemento para pecharse. Cando está totalmente pechada, a luz do interior apágase. A idea orixinal deste proxecto provén da interesantísima páxina tecnologiafacil.net, se ben fixeron algunha modificación sobre o deseño orixinal e realizaron o seu propio código para o control dos dispositivos. Polo momento están tendo algún problema (non teño ningunha dúbida de que será por pouco tempo) coa montaxe do circuíto, que incorpora un relé para a inversión de xiro do motor e outro actuando como interruptor xeral. Como a intensidade proporcionada polas saídas do porto paralelo non é suficiente para alimentar aos relés, cada un deles precisa dunha etapa de amplificación con transistor e isto está traendo de cabeza ao equipo de conexión :-) O equipo de programación xa rematou o código para o control da porta e da luz e axiña comezará co procedemento para ler o receptor de infravermellos. Velaí van unhas fotos deste complicado proxecto:
O equipo de conexión realizando as primeiras probas co circuíto montado sobre unha protoboard.


O equipo de construción pintando as diferentes pezas que formarán a estrutura do garaxe.

Todos estades realizando un traballo estupendo!!! Seguide así!!!!!

08 febrero 2009

AVISO IMPORTANTE

Acabo de entrar na páxina da Consellería e hai aviso de que mañán luns día 9 de Febreiro queda suspendida toda actividade escolar nos centros educativos de ensino non universitario de toda Galicia.

O exame que tiñamos o martes en 4ºB queda en principio suspendido para podermos repasar antes de facelo. Xa falaremos!

06 febrero 2009

Dardos

María Loureiro, profesora de tecnoloxía e autora do imprescindible blog tecnoloxia.org concédeme un premio en forma de dardo. Ademais de facerlle chegar o meu agradecemento e de acordo coas regras ás que obedece este premio
dardosvoulles enviar un dardo aos seguintes blogs:
  • Tecnoloxía: blog de Ana Villar, a miña insubstituíble compañeira de Tecnoloxía
  • Radio Furoca: blog da emisora de radio que ameniza os nosos recreos
  • Lagarto Dixital: o ar mudou de rumbo varias veces nos últimos anos pero o arrecendo de magnolia nunca marchou de Pastoriza :-)
  • Astronomía na beirarrúa: blog que nos achega a astronomía converténdoa nunha festa veciñal

26 enero 2009

Concurso de carteis

concurso carteis

A Asociación do Profesorado de Tecnoloxía de Galicia (APETEGA) convoca un ano máis un concurso (fai clic aquí para acceder ás bases) para designar o cartel anunciador das xornadas de tecnoloxía de Galicia.
  • Quen pode participar? Todos os alumnos de ESO e Bacharelato dos centros educativos de Galicia.
  • Cando remata o prazo de presentación? O prazo remata ás 22:00h do día 6 de febreiro de 2009.
  • Cal é o premio? Se o voso cartel resulta escollido recibiredes material electrónico/informático valorado en 150.-€.
Animádevos a participar!!!!!!!!!!!!

22 enero 2009

Aviso importante: Suspéndense as clases do venres

Acabo de recibir o aviso de que mañán venres día 23 de Xaneiro quedan suspendidas as clases por alerta de temporal. Boa fin de semana a tod@s e xa falaremos de como queda a data do exame de electricidade para 2º A.

21 diciembre 2008

Premios a recursos educativos para a sociedade da información

Pensei que xa escribira o último post do 2008 pero a veces recibimos sorpresas inesperadas e a min chegoume unha en forma de correo electrónico :-)

O pasado venres día 19 recibín a nova de que ao Blog de Tecnoloxía lle fora concedido o terceiro premio na modalidade de Materiais Curriculares Web dentro da convocatoria dos Premios a Recursos Educativos para a Sociedade da Información. Estou moi contenta e quería compartilo con tod@s vós.

Aínda a risco de parecer que me acaban de entregar un Oscar :-) vou aproveitar a ocasión para dar as gracias a todos os que ledes o Blog de Tecnoloxía pero en especial aos meus alumn@s. Vós sodes o motivo polo que comecei co blog aló no ano 2004. O meu agradecemento tamén aos compañeiros que fan do IES de Pastoriza un lugar tan especial, en particular ás miñas compañeiras de departamento, Ana e Elena, coas que disfruto tanto traballando e das que tanto aprendo. Por último quería agradecer ás persoas que me deron o empurrón que me faltaba para presentar o blog a esta convocatoria :-) Gracias a tod@s!!!!!!!!!!!!!!!

Remato facendo chegar os meus parabéns aos demais gañadores. Noraboa!!!!!!!!!

10 diciembre 2008

Declaración Universal dos Dereitos Humanos




A Declaración Universal dos Dereitos Humanos cumpre 60 anos.